A BIBLIOTECA EN TEMPOS DA COVID 19

Biblioteca_covid

Biblioteca_covid

Ante as dificultades e a difícil tarefa que supón este curso a posta en marcha das bibliotecas escolares, a Biblioteca San José de Cluny vai retomando pouco a pouco, pero con paso firme, as súas actividades seguindo en todo momento as normas do protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19.

Comezamos de novo co servizo de préstamo creando ás “Clunytekas móviles” repartidas por diferentes puntos estratéxicos do centro. Para solicitar un libro pode facerse de diferentes formas, todas elas seguras:

O equipo de biblioteca atende a solicitude coa maior brevidade e fai chegar o libro á clase do alumno solicitante. As devolucións fanse nas caixas habilitadas para ese fin e os libros quedan en corentena, como mínimo 24 horas, antes de devolvelos a cadanseu andel.

Tamén continuamos coas actividades que viñamos realizando dende os cursos anteriores como o concurso literario “Lolita Iglesias” nas modalidades de narración, poesía e na modalidade especial “Camiña” relacionado co lema deste curso. Os traballos poden ser presentados en calquera das dúas linguas cooficiais e hai diferentes categorías por idades.

No mes de novembro dende a Biblioteca, lanzouse o Concurso Carapuchos Abelleiros patrocinado polo apicultor Xosé Manuel Durán e destinado aos alumnos de Educación Primaria. O concurso fomenta a creatividade e o coidado da “Casa Común” xa que os participantes presentan un debuxo relacionado coas abellas, a polinización e o medio ambiente  acompañándoo dunha frase alusiva en lingua galega. O xurado elixe un gañador por curso e as súas ilustracións camparán no etiquetado dos tarros de mel da tenda “A cesta da saúde”; ademais   os gañadores son nomeados padriños ou madriñas dunha colmea que irán visitar cando a situación que estamos a vivir o permita.

Ao igual que os cursos pasados estamos poñendo en marcha O Reto Lector mediante o cal propoñemos lecturas sobre unha temática ou xénero literario para cada mes. Este ano non podemos utilizar nin os carnés para selar nin as follas para decorar a árbore que adorna a entrada da biblioteca, pero propoñemos que sexan os propios alumnos os encargados da animación lectora a través do blog, valorando, comentando e propoñendo lecturas sobre a temática de cada mes. Tamén poden enviar as súas aportacións e comentarios ao correo da biblioteca clunyteka@gmail.com.

No Club de Lectura organizáronse tres grupos diferentes de alumnos dende 1º ata 4º de ESO. Hai programadas reunións mensuais, a maior parte delas no propio centro nas tardes do mércores ou xoves, e outras virtuais a través da plataforma TEAMS.

No blog Clunyteka preséntanse as actividades desenvolvidas, compártense as recomendacións de lectura e comunícanse as novidades.

A pesar da situación sanitaria actual, dende a biblioteca seguimos fomentando o gusto pola lectura e favorecemos as actitudes de colaboración e solidariedade, procurando formar cidadáns críticos e comprometidos.

Comments are closed.