No colexio San José de Cluny somos conscientes da importancia que temos, como centro docente, de axudar á promoción da saúde e a fomentar a adquisición de hábitos de vida saudables como parte da formación integral dos alumnos. Así, dende o curso 2018-2019, o noso centro foi recoñecido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte co distintivo de calidade “Sello da Vida Saludable” que nos recoñece como centro educativo “que fomenta a aprendizaxe da saúde no ámbito educativo, así como a asunción de prácticas de vida saudable e una educación física que permita o axeitado desenvolvemento persoal e social ao longo da escolarización dos alumnos”.
Este curso, ao igual que os dous anteriores, participamos no Programa Escolar de Consumo de Froitas Frescas, Hortalizas e Leite da Consellería de Medio Rural en colaboración con FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria) que ten como obxectivo potenciar entre os rapaces o consumo de froita e leite, creando así hábitos alimenticios que conduzan ao desenvolvemento dunha vida saudable. Grazas a este programa todos os alumnos de EI, EP e ESO poden degustar no recreo durante dez días froita fresca de tempada (laranxas, plátanos, mandarinas, mazás…) e nos dez días seguintes produtos lácteos, respectando en todo momento as normas do protocolo Covid 19.
Esta actividade forma parte do proxecto de centro “Hábitos de vida Saudable”. Ademais desta, outras accións que se desenvolven como parte deste proxecto son: merendas saudables, primeiros auxilios na aula (reanimación cardiopulmonar básica, atragoamento, ataque epiléptico…), charlas de prevención, participación no proxecto DAFIS da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que permiten avaliar a relación do desenvolvemento físico do alumno con respecto á actividade física e á saúde, actividades deportivas e a materia de Hábitos de vida saudable en 1º de ESO, entre outras.
Só se a educación vai unida ao coidado da saúde e a hábitos de vida saudables como a actividade física, a dieta sa, a hixiene e o descanso axeitado, seremos quen de conseguir que os nosos alumnos se convertan en adultos cunha vida sa e plena.