24 DE OUTUBRO 2019 DÍA DA BIBLIOTECA

Día da Biblioteca_2019

Día da Biblioteca_2019

O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. En 1997 a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil promoveu esta celebración que foi apoiada polo Ministerio de Cultura. Xurdiu en recordo da Biblioteca de Sarajevo incendiada en 1992 durante o conflito bélico dos Balcáns. A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro de lectores de todas as idades coa cultura e como instrumento de mellora da formación e convivencia humana.

Ata o ano 2003 a Asociación  realizou dita celebración en Madrid e a partires do 2004  xorde a idea de festexar este día nas diferentes Comunidades Autónomas, dando a posibilidade a todos os socios, estendidos por toda a xeografía española, de seren testemuñas dos actos conmemorativos. Cada ano encárgase a un escritor a redacción do pregón e a un ilustrador, o deseño do cartel que se difunde entre todas as bibliotecas de España. Nesta ocasión é a Biblioteca Central de Gandía quen acolle o acto onde Gemma Pasqual  realizará o pregón e Miguel Calatayud presentará o cartel.  

Na nosa Comunidade, o Departamento de Educación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola súa parte, vén publicando desde 2008  carteis que pretenden facer visibles as distintas oportunidades e posibilidades da biblioteca escolar. Cada ano proponse un lema e encárgase a súa interpretación a un creador ou a unha creadora do fértil mundo da ilustración en Galicia.

Dende  a nosa  biblioteca,   integrada na Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia dende o curso 2017-2018 queremos celebrar esta data realizando actividades de animación á lectura adaptadas ás diferentes idades. Os apadriñamentos lectores, o reto lector, os obradoiros da semana da lectura e as mochilas viaxeiras  xunto ao préstamo de fondos forman parte das actividades específicas de animación lectora que se organizan dende a biblioteca escolar ao longo de  todo o curso escolar. Pero a nosa biblioteca vai máis alá, ofertando outros recunchos que fan deste espazo un lugar creativo de construción do coñecemento, habilitando espazos e proporcionando oportunidades para que os seus usuarios poidan atoparse para pensar, deseñar, debater, investigar, crear e desenvolver proxectos de carácter cultural e manipulativo.

O equipo de biblioteca e os alumnos  voluntarios estarán encantados de recibir a todos os membros da nosa comunidade educativa que queiran achegarse á biblioteca a descubrir todo o seu encanto.

Anímate a visitarnos!

Comments are closed.